
Merendeiro do Monte da Barcia

O Merendeiro do Monte da Barcia é unha agradable área de descanso situada na parroquia de Santa Ana da Barcia do Seixo, nunha contorna natural privilexiada aos pés do Monte Seixo. Rodeado de bosques e amplas paisaxes de montaña, constitúe un lugar ideal para facer unha pausa, compartir unha comida ao aire libre ou descansar antes ou despois de visitar recursos tan emblemáticos como Portalén, o Marco do Vento ou o Miradoiro das Tres Rías.
Grazas á súa situación, o merendeiro é tamén un excelente punto de partida para realizar rutas de sendeirismo e descubrir a riqueza natural e paisaxística da Serra do Cando. A tranquilidade da contorna e as vistas sobre a montaña convérteno nun espazo perfecto para gozar da natureza en familia ou con amigos.











